Sunday 28 de April de 2024

A Xunta aproba un convenio dotado con 1,7 millóns de euros para impulsar os tres campus de especialización que se desenvolven en Ferrol e na Coruña


A finalidade principal é impulsar os tres campus de especialización que está a desenvolver a UDC: Campus Industrial, Campus Innova e Campus da Sustentabilidade
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou que o Consello da Xunta aprobou hoxe un convenio coa Universidade da Coruña (UDC) para financiar as súas actividades de I+D+i.

En concreto, o devandito convenio, que está dotado con 1,7 millóns de euros, ten como finalidade principal impulsar os tres campus de especialización que está a desenvolver a UDC en Ferrol e na Coruña: Campus Industrial, Campus Innova e Campus da Sustentabilidade.

A primeira liña estratéxica do convenio, segundo explicou o presidente, consiste en reforzar o Campus Industrial de Ferrol.

Ao abeiro do convenio, vanse levar a cabo actuacións en catro direccións. En primeiro lugar, garantir a continuidade da oficina do campus. A segunda actuación consiste en mellorar a promoción e difusión da oferta académica do campus, mentres que a terceira busca promover a súa internacionalización. Por último, o obxectivo da cuarta actuación é acondicionar as súas infraestruturas.

Campus Innova e Campus da Sustentabilidade
A segunda liña estratéxica do convenio, continuou o presidente, está relacionada co Campus Innova e o Campus da Sustentabilidade. En concreto, o primeiro está orientado ás TIC, ás enxeñarías e á creación de contidos dixitais; mentres que o segundo engloba as áreas de coñecemento do urbanismo e a paisaxe, medio ambiente e vida saudable.

O convenio contempla cinco liñas de traballo neste ámbito: lanzar os dous campus, crear unha oficina técnica que coordine todas as actividades que se porán en marcha; e realizar actividades de promoción e difusión.

Así mesmo, potenciarase a comercialización dos resultados da investigación e organizaranse congresos internacionais.

Investimentos en infraestruturas e recursos humanos
Por último, a terceira liña estratéxica do convenio, engadiu Feijóo, engloba varios investimentos, tanto en infraestruturas como en recursos humanos.

En concreto, algúns dos obxectivos dos investimentos son: melloras en edificios, dotar os laboratorios de química e biomedicina, a renovación tecnolóxica do laboratorio de produción de contidos dixitais e de animación audiovisual.

Feijóo concluíu lembrando que as universidades galegas representan o 60% do noso persoal investigador.